•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

XXII PREMIOS MANUEL BEIRAS

150 150 CORALIA

XXII PREMIOS MANUEL BEIRAS

Ao uso do galego na empresa

Texto Adrián Estévez
Ilustración Olalla de Boó

O Concello de Santiago de Compostela e mais a Cámara de Comercio convocan a XXII edición dos Premios Manuel Beiras ao uso da lingua galega na empresa. Este certame quere recoñecer, e celebrar, o compromiso co idioma galego desde a iniciativa privada no ámbito empresarial compostelán. Miranda Priestly, a empresa responsable da edición da revista Coralia, recibiu este premio no ano 2016 pola súa incorporación ao galego. Para saber máis da convocatoria entrevistamos a Rubén Prol, concelleiro de Educación, mocidade e políticas lingüísticas.

Rubén Prol, concelleiro de Educación, mocidade e políticas lingüísticas.

Este premio leva o nome do compostelán Manuel Beiras García (1904-1996). Graduado na Escola de Comercio da Coruña, exerceu a súa profesión en varios establecementos do ramo téxtil e foi membro da Cámara de Comercio, Industria e Navegación. Ademais participou de forma activa na vida cultural e política compostelá e galega, e colaborou coa prensa local. Promoveu iniciativas como o Padroado Rosalía de Castro, o Museo do Pobo Galego ou o Día do Traxe, e foi recoñecido coa Medalla Castelao (1987), coa Medalla de Ouro de Santiago de Compostela (1991) e distinguido como Fillo Predilecto de Santiago e Galego do Ano pola Universidade en 1995.

Este recoñecemento outorga difusión ás empresas que o acadan, e serve para presentarse socialmente como un negocio asentado en Santiago, que garante o respecto polo galego e o emprega con normalidade, tendo en conta que é o idioma habitual da súa veciñanza, que se percibe con agrado pola maioría da poboación. O emprego do galego como ferramenta de comunicación no eido laboral e comercial está asociado a valores positivos como a proximidade, a confianza ou a fiabilidade. Ao tempo, como sinala Rubén Prol, tanto o Concello de Santiago como a Cámara de Comercio queren poñer en valor outros programas municipais de apoio a iniciativas empresariais que empreguen a lingua galega, como a plataforma #galegoempresas, creada para visibilizar os negocios que ofrecen produtos e servizos en galego dos concellos de Santiago, Ames e Teo.

En Santiago de Compostela o comercio local e de proximidade ten un importante valor simbólico. Os seus habitantes recoñecen a súa importancia, aínda que poida haber un certo retroceso ante o comercio electrónico, o cal provoca en certa medida que o pequeno comercio teña que renovarse e acceder ás novas plataformas para facer fronte aos monopolios e a competencia desleal. É por isto que, segundo indica o concelleiro, desde a administración local «se promoven espazos físicos, como a praza de abastos, que crean condicións de igualdade, fronte á oferta condicionada que existe en Internet».

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica mais é unha ocasión para aumentar a visibilidade pública das empresas premiadas.

Existen tres categorías: empresas cun uso continuado da lingua galega, que levan utilizándoa de xeito habitual cando menos desde hai cinco anos; empresas de nova incorporación ao uso da lingua galega, xa sexa porque foron creadas nese período ou porque mudaron as súas políticas lingüísticas; empresas innovadoras no uso do galego, iniciativas que destacan pola innovación da súa comunicación en galego ou por algunha campaña ou soporte concretos, tendo en conta a súa orixinalidade, impacto, introdución en novos ámbitos TIC ou calquera outro aspecto anovador ou de eficacia comunicativa.

Isto débese a que existen empresas acabadas de crear que apostan polo galego desde os seus inicios, mais tamén hai outras que sofren un proceso de adaptación. Existen campañas de márketing levadas a cabo por empresas do país, pero tamén por empresas de fóra que, como apunta Rubén Prol, «non fan unha simple tradución da súa publicidade á lingua galega, senón que crean unha campaña adaptada ao contexto galego». Ademais, para as pequenas empresas que non teñen a capacidade para deseñar ou incorporar un plan de comunicación, o Concello creou o proxecto Coidar para mellorar, que financia o deseño e o desenvolvemento de campañas publicitarias.

Ao longo de máis de vinte anos, as empresas que obtiveron este recoñecemento son de ámbitos ben diversos: desde a hostalaría, as artes gráficas, a construción, a comunicación, o pequeno comercio, a alimentación, asociacións ou mesmo unha autoescola. O premio é recoñecido en Santiago de Compostela polo propio sector do empresariado, pois está convocado pola propia Cámara de Comercio xunto co concello. Ademais, historicamente o premio recaeu en empresas moi diversas, non sectoriais, o que permite difundir o recoñecemento entre ámbitos moi diversos. Afortunadamente, cada ano é ben alto o número de negocios que o xurado ten que avaliar, síntoma da boa saúde da nosa lingua.

Para máis información podes premer en https://premiosmanuelbeiras.gal/

 

 

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido